17/09/2008

Marcha atrás

Redacto unha noticia baseada nun informe que di que o 16% das mulleres galegas recoñecen usar o coitus interruptus como método anticonceptivo e a verdade é que non sei que é o que ten de noticioso... Todas, absolutamente todas, as mulleres que coñezo usan a marcha atrás conmigo... pero antes de desnudarme.

E, xa de paso, pregúntome cal será a porcentaxe de homes que usan o tal método anticonceptivo.

10/09/2008

Traballar baixo presión

O eterno mito do xornalismo. Ao único que vin eu traballar baixo presión nestes dez anos de xornalismo foi a un deseñador do Correo. Era cazador e forxou a lenda de que andaba sempre coa escopeta na maleta do coche. Lenda que, acompañada polos tres Riojas a media mañá e pola célebre frase "mato todo", lle deu carta branca con todos os subdirectores... E haiche ben deles!

07/09/2008

Vieiras tóxicas

Andan os de sociedade como tolos cunha historia de vieiras contaminadas con toxina amnésica. O peor parece que é que os peregrinos andan perdidos por Galicia adiante porque non lembran onde teñen que ir... Como sempre hai quen saca tallada de todo, cóntanme que o alcalde de Xove ten un plan para aproveitar o caos e levar ata alí algún turista despistado.

02/09/2008

O chikiringuito

Despois da morte por empacho do Chikichiki, este ano non houbo canción do vrao. A verdade é que desde a retirada de George Dann nada é igual. Por certo, eu sempre crin que se retirara por vello, pero un compañeiro do xornal asegura que foi pola denuncia que lle puxo Fernando Blanco reclamándolle a exclusividade do Chiringuito.

01/09/2008

Welcome back, reality

- Desde que volvemos das vacacións non me escribes nin poemas de amor, nin cancións tristes, nin necrolóxicas, nin nada.
- Tés razón. Desde hoxe, prometo tres ao día.
- Mmm...
- Bueno, xa sabes como somos os homes de fantasmas...