30/05/2008

O punto de equilibrio

Teño a cabeza en ebullición total. Vexo que se achega o momento de comezar a escribir as miñas tres primeiras novelas de éxito: O enxeñeiro de almas, Tratado do despoboamento do rural en Re menor e De amor e hipotecas...
O malo é buscar o punto de equilibrio que os cadre nunha triloxía.

29/05/2008

Extreme makeover

En ocasións gustaríame facer un corte no dedo gordo do pé, tirar e revirar todo o pelexo ata transformarme noutra persoa. Transformarme, por exemplo, nun home. Nun deputado ou nun empresario, un tipo de mente simple, sen bagaxe cultural algunha, que é capaz de firmar cun X, de comer rape coas mans e de sentarse diante dunha muller cun único pensamento: Ter non ten puta idea, pero qué pernas!

28/05/2008

Arranxar o mundo

Decidín adicar a miña vida a arranxar o mundo. Visitei o seminario e as facultades de políticas e de xornalismo. Analicei a oferta dunha ducia de organizacións non gubernamentais, con e sen ánimo de lucro, e doutras tantas asociacións de corte social e de moral dubidosa. Consultei as tarifas de apadriñamento de nenos que non existen nalgún país de Latinoamérica. E, ao final, fun á ferretería comprar cinta aislante e un bote de tres en uno. Quizais non arranxara o mundo, pero por algo había que empezar.

26/05/2008

Estradas sen asfaltar

O GPS é un invento caralludo. O outro día prestoume o seu meu cuñado para que non me perdera na miña primeira visita a un editor en Madrid. Atureino todo o camiño "abandone la autovía, abandone la autovía". Ignoreino, claro, e cheguei ben á entrevista. Ao editor non lle gustara nada o meu manuscrito, muy original de más, pero cría que tiña madera e quería propoñerme que escribira unha novela de unas 400 páginas sobre un misterioso asasinato nun convento beneditino, el de Monforte podría valer. El falaba de tiradas millonarias e de lanzamentos mediáticos e eu o único misterio no que podía pensar era no do GPS. Xa no coche, descubrín que meu cuñado o tiña configurado para andar por Alfoz, coa preferencia de Carreteras sin asfaltar... Así me poñía a min, desde Ávila, que a hora estimada de chegada eran as dúas da mañá, cando eran as cinco da tarde e faltaban cen quilómetros para Madrid.
Obviamente, á volta, fíxenlle caso ao GPS.
Un invento caralludo, si señor.

24/05/2008

Sexo oral

O secreto do meu éxito cos políticos non ten nada que ver coas pernas, senón coa lingua: eles danme cartos e eu axúdolles a colocar ben os pronomes.

23/05/2008

Galiza Caníval

Se foramos androides, soñariamos con ovellas asadas ao espeto o día da festa.

22/05/2008

Exilio Literario

Visto que o sistema literario galego non entende de talentos, se non de combustión espontánea, decidín exiliarme á URSS, para que me secuestrara a Mafia e vender o best seller coa experiencia. Avísote porque din a túa dirección para que manden o dedo ou a orella coa solicitude de pago. Espero que non che moleste. Sería de grande axuda e evitaríaslle disgustos a miña nai, que é doutra xeneración e creo que recibir unha orella do seu querido fillo a asustaría bastante. E, sinceramente, a min tamén me dá algo de medo deixar a entrega nas mans do carteiro do Incio, que dependendo da fame que teña, é capaz de comela.

21/05/2008

O poeta do márketin

Despois de cinco anos de carreira en Santiago, catro de bolsa de doutoramento en Madrid, dous de MBA en Londres e tres de auditor junior en Price Waterhouse Coopers, comprendín que a poesía consiste en poñer un bon traxe, coller un maletín caro, facer un nó windsor na gravata de marca, sacarlle lustre ao sorriso cos produtos milagreiros que anuncian na teletenda de Antena 3 cando remata o porno de Localia e dicirlle a quen sexa que me chame que estou na T4 ou no hoyo 17... Aínda que estea sacando o esterco na aldea, que é o que realmente quixen facer toda a vida.

O poeta é um fingidor. / Finge tão completamente
Que chega a fingir que é dor / A dor que deveras sente.

20/05/2008

O Sallinger de Portomarín

Fun un escritor de éxito. Mágoa que a miña axente, ventando un goloso 10% de beneficios, me sometese a demasiada presión. Tuven que marchar ao monte, como Sallinger, para rematar a miña primeira novela, unha obra de arte chamada a sacar Galiza do seu secular atraso. Ninguén máis me viu o pelo na vida. Nin concedo entrevistas nin vou de cea. Vivo nun caseto que descubrira hai anos, cando fora facer unha reportaxe sobre un ataque de lobos en Portomarín, e no que non me vai atopar nin Dios. Espero que tampouco os lobos...

19/05/2008

O autor imaxinario

Son o autor imaxinario, o escritor inédito da literatura galega. Son diferente, orixinal. Non quero ser coma os autores editados. Non quero copiar ideas nin imitar estilos. Non quero investigar crimes con Kurt Vallander no Carballiño. Non quero namorarme do amor romántico de Danielle Stell nos campeiros da Fonsagrada. Non quero falar das aventuras de Robison Crusoe na Cortegada. Nin sequera aspiro a entrar nese selecto círculo de autores entre os que se reparten todos os premios do país. Eu son diferente, orixinal. Comigo nacerá a auténtica literatura galega: fresca, viva, nova...
Prefiro ser malo a ser ridículo, como Molière.

17/05/2008

Día das Letras

Si, estou especializado en novela negra, pero... Por suposto que nos documentamos, pero non así... Non, claro que non teño problemas de cartos, a miña última novela é un best seller no Reino Unido... Eu entraría na Real Academia Galega mañá mesmo, se me saíse do carallo... Si, teño comentado en varios foros a posibilidade de escribir a historia dun asasino en serie, contratado pola RAG para ir matando escritores noveis en lingua galega ante a posibilidade de que se acaben os candidatos para o Día das Letras, pero... Por suposto que coñecía ao defunto, estaba en tódalas quinielas para o Xerais... Cómo que non era máis que un publicista junior cuxa bagaxe literaria se limitaba á confección dun texto para un tríptico turístico da Mariña Occidental?