29/06/2008

A ensaladilla da Eurocopa

Despois da guerra que se montou este San Pedro na nosa casa coa excusa da vitora española na Eurocopa, miña nai decidiu que de agora en diante quedaba terminantemente prohibido falar de política nas festas. Cando nacionalistas españois e nacionalistas galegos se uniron contra ela na defensa da liberdade de expresión, esa muller que domina como ninguén a arte da decoración con pementos, aceitunas e ovo cocido sentenciou con tranquilidade salomónica: "como queirades, pero se hai política non hai ensaladilla".

16/06/2008

Dozura Sansón

Cando nacín aínda non había epidural, así que miña nai tomou a iniciativa na xestión da dor e encheuse de Sansón antes de marchar para o hospital, polo que puidera pasar. Por iso, cando me acusan de crueldade, de non ter sangue nas veas, eu advírtolles que efectivamente a min polas veas o que me corre non é sangue, senón viño doce.

12/06/2008

Xens de gato urbano

Vin un gato en Madrid. Tiña 10.000 cores, xens de gato urbano que herdou dos antepasados que sobreviviron ata a Guerra Civil e unha estrutura ósea de primeira categoría que se lle vía a dez quilómetros de distancia. Non é bo sitio o barrio de Salamanca para os gatos, penso eu. Aquí son todos ricos e os ricos só chegan a selo se desperdician pouco... ¡Pobre animal!

11/06/2008

Dálle polo cú ao mundo

A cidade acaba comigo. Ando liadísimo, agobiadísimo, estresadísimo. Todo son problemas e nin sequera podo aplicar o dito do meu pai, que cando algo ía mal dicía: "Fai un furado no suelo e dálle polo cu ao mundo". En Galicia funcionaba. Aquí intenteino e casi ma machaca o metro.

10/06/2008

Sexo Seguro

O primeiro condón que me deron, cun folio con instruccións, foi no instituto. O moi animal grapoume o preservativo no medio no papel e eu, obviamente, useino igual.

09/06/2008

Os de prácticas

Este verán vai haber catro incautos enganados de prácticas na redacción. Dous homes, dúas mulleres. Para o fotógrafo: "No tienen ni puta idea". Para o redactor xefe: "Son bos chavales". Para o de deportes: "Non están boas". Para o de recursos humanos: "en xullo non vai haber ordenadores para todos e en agosto van quedar eles sós, porque todos esiximos as vacacións ao mesmo tempo".

05/06/2008

Ciencia e progreso social

Segundo os primeiros resultados dun estudo realizado por investigadores do Centre de Recerca en Economía do Benestar das universidades Pompeu Fabra e Rovira i Virgili de Barcelona, "as mulleres casadas gozan de mellor saúde, viven máis e son máis felices cás solteiras". Os responsables do estudo confirmaron a súa intención de converterse no grupo de investigación científica de referencia en Europa, desenvolvendo o seu labor en estreita colaboración coa universidade de Wisconsin, que vén de descubrir que mirarse ao espello produce felicidade, e coa universidade de Fuzhou, na China, que revelou hai uns días que as bacaterias tardan 4,5 segundos en atacar os alimentos que caen ao chan.

04/06/2008

Chef of magic

"Minipimmer ou Chef o matic?", preguntoume o tipo do SanLuis. Eu díxenlle que me daba igual, que non teño puta idea de tecnoloxía, e púxenme nas súas mans. "Son xornalista, sabes?, como José Coronado, e esta vida tan intensa e emocionante non me deixa tempo para cociñar. E, claro, de iogures bio non pode vivir un toda a vida, hehe". Quedoume que nin pintado, o chiste, pero a el non lle fixo puta gracia. Colleu o Chef o matic, fitou para min, aseguroume con gravidade que aquel era un aparato milagreiro, que só tiña que deixar os ingredientes no seu interior e que xa mos cociñaba el. Facilisimo. Menudo cabrón. Ao día seguinte, metín a pescada e os queixos no Chef of magic e berreille ben clariño, en inglés e todo, "for three oclock, fish to the three cheeses". E, cando volvín de traballar, a cociña cheiraba a pescada... crúa!

03/06/2008

Niños suecos

Que fácil o teñen os paxariños, que con catro herbiñas montan o niño e aforran os 48 euros de transporte dende ese palleiro sueco que está sempre no cu do mundo.

02/06/2008

Ambición decadente

O outro día lin a entrevista que lle fixeron en El País a Warren Buffett, para ver se se lle escapaba sen querer a clave do éxito -porque enriquecerme rapidamente e sen esforzo é o único factor que me falta para cambiar por fin de coche- e atopei un "llevo una vida completamente normal, como la de cualquier otro ser humano" que me confirmou tres cousas: que nunca vou cambiar de coche, que a xente rica non comparte o secreto do seu éxito e que El País é unha bazofia lamentable decadente e contaminante na que, por algún estraño motivo, morro por traballar.